R2 - Gardado de partida

 Ola! Pois hai dúas semanas que a nosa xeración de PIRes pasamos a R2 e quería escribir algo sobre todo o que ten significado este último ano para min.

A verdade é que non se moi ben que dicir porque dificilmente podo poñer en palabras todo o que ocorreu este ano. Ademais, recoñezo que toda reflexión que faga estas semanas está ineludiblemente tinguida por un tema que ocupa a miña cabeza: a morte.

Durante as miñas coartadas prácticas da carreira, que lembro con moito cariño, o meu titor de prácticas agasalloume un libro de Yalom sobre terapia existencial. Naquel momento, que xa andaba opositando, decidín pospoñer a súa lectura ata estar un pouco menos ocupado (e penso, tamén, que un pouco máis preparado para poder comprendelo). 

En calqueira caso, empecei a lelo hai unhas semanas e foi como desembazar unhas lentes e ver de súpeto o baleiro en fronte miña. Curiosamente, é un tema ao que no seu momento lle dera as súas voltas (lembro ter na porta do meu armario un pequeno texto que escribira cuns 14 anos sobre iso), pero foi algo que se cadra fun apartando do meu pensamento nos últimos tempos.

Xa falei noutra ocasión de como funcionan as gafas; unha vez que as pos enriba, un non pode deixar de ver: nas preocupacións cotiás, nas historias das persoas que acoden a consulta, nos plans de futuro... o caso é que todo este tema tívome un tanto angustiado porque facía ben de tempo que non contactaba con el, e como era de supoñer as lentes que tiña con 14 años xa non me protexían ben dunha imaxe que neste tempo mudara e tomara tantos matices.

Houbo algunas cousas que me axudaron a reecadrar a vista. Estas semanas que estiven de volta pola Galiza déronme en certa medida un espazo e tempo que precisaba. Unha cousa un tanto parva, pero moi simbólica, foi coller o coche despois de tanto tempo; tomar o volante da miña propia vida e guiala ata un lugar que desexo. Tamén as postas de sol e o pensar no marabilloso que resulta que saia todos os días. Pero sobre todo, faleino, e faleino moito. E sorprendeume tamén o disposta que estaba a xente a falar, e o presente que estaba na vida de tanta xente. Conforme sacaba o tema con distintas persoas, xurdían novas preguntas, novos matices... E no seo da conversa foron xurdindo novas perspectivas.

Nas últimas semanas, estas foron algunas das preguntas que foron matizando e enchendo de luz este novo cadro que empezaba a visualizar:

  • Imaxina que, mañá, un oráculo vaticina o día da túa morte. Será exactamente dentro dun ano. Non haberá procesos médicos, nin deterioro funcional no proceso. Sinxelamente, irás durmir e non espertarás ao día seguinte. Que farías ese derradeiro ano de vida?
  • Avisarías ás persoas do teu anticipado falecemento? Gustaríache despedirte? Dalgún xeito en particular?
  • Intentarías falar con alguén, ou deixar algo resolto?
  • Deixarías o traballo? Iniciarías algún proxecto? 
  • En caso de que isto ocorrese dentro duns anos, e tiveses xa realizado algúns deses proxectos (por exemplo viaxar, crear unha asociación...), como mudaría a forma en que utilizarías ese último ano?
  • Onde che gustaría pasar os teus ultimos momentos?
  • Que che gustaría que fixesen co teu corpo unha vez falecido?
  • Agora, imaxina que chega ese día, no que estás nos teus últimos momentos, no lugar no que che gustaría, pechas os ollos por fin para despedirte deste mundo. Á mañá seguinte, abres os ollos e érgueste con normalidade; a profecía non se cumplio. Arrepentiríaste do que fixeches este último ano?

Toda unha movida de conversa, a verdade. Pero é realmente esclarecedora, case como unha autopista directa ás nosas preocupacións motivacións máis profundas. 

Tamén comezou a saír máis este tema nas sesións de terapia. Sorprendeume que non poucas persoas, cando saía o tema, remataban por recoñecer que gran parte do seu malestar estaba orixinado por profundas preocupacións pola morte.

Que como se relaciona isto co cambio a R2? Pois tanxencialmente, pero dende logo deume moito que pensar. En liñas xerais, tendo a ver a miña vida como unha partida dun videoxogo: vou avanzando, explorando os lugares que me interesan, buscando os obxectos que considero valiosos. Se nalgún momento a consola cae e se estropea a partida, que lle vou facer, eu sinto que ía progresando axeitadamente e estaba pasándoo ben coa miña partida.

Penso nalgunhas das cousas que me gustaría seguir facendo nisto da psicoloxía, mais tamén penso en tantísimas outras que o Adri non-psicólogo gostaría de facer antes de morrer. Penso en que é o que me move e que quero facer con todo este tempo que, esperemos, poida ser máis dun ano. 

Con estas novas lentes, tamén teño máis perspectiva e podo mirar sen tanta vertixe o baleiro que temos ante nós. E sabendo que está aí, axúdame a orientarme.

O caso é que, seguindo co paralelismo de antes, quería aproveitar este espazo para facer un gardado de partida. Quedaría curto escribir sobre aprendizaxes técnicas nun ano tan cargado de emocións, e penso que é apropiado corresponder con outra emoción; o agradecemento.

Quería utilizar isto para darlle as grazas a todas as persoas ás que teño o privilexio de coñecer, por aquelas que teño a sorte de considerar amigas, por poder estar a carón de Pedro. Grazas por poder vivir esta etapa en ocasións dura pero tan bonita e transformadora, por poder coñecer a xente tan marabillosa coa que compartir estes momentos, e grazas por este irremplazable agasallo que resulta a vida.

Quérovos.






Comentarios

Publicacións populares deste blog

Los tiempos de las personas

2023. Crónica de unos pendientes

Retrato de Fuera hacia Dentro